sexta-feira, junho 23, 2006

NOVEMBRO QUE ESMORECE

E sabíate, independente, e queríate, solitario. Mais foi a túa unidade cubríndose de presenzas... de simples mediocridades (que me inxurian) ...

agora estás sen as fumegantes cores outonizas... sen os prados de sidreiras (infusións de primavera).

[onde vas debullador libertario... onde ficou a túa independencia?]

por min baixan mouras margaridas arabescas...

quarta-feira, junho 21, 2006

TRES ERAN TRES

Recollendo o testemuño de Edu (Moléculas Inestables), aquí vai o meu post:
1)Un libro: O amante de lady Chatterley, de D.H. Lawrence... Elixir un libro é cousa moi difícil, así que escollín o que máis me gustou dos que lin ultimamente. Chamoume moito a atención a visión do sexo que se presenta nesta novela, sobre todo tendo en conta que foi escrita a principios de século... E paréceme incrible que un autor masculino saiba describir tan ben a sexualidade feminina...
2)Un CD: Forever Changes, de Love.
3)Unha película: El desencanto, de Jaime Chávarri. Ando obsesionada ultimamente coa familia dos Panero... debe de ser que me encanta a decadencia...

Como non sei a cantas persoas hai que pasarlle o testemuño, invito a todos os que queirades a facelo...

terça-feira, junho 20, 2006

ÍNSULA POÉTICA (JOAN VALENT)

Utopía escachada en mil anacos, ínsula perfecta. Mar morto. Océano desecado.
Era tanta a transparencia, tanta a luminosidade, cegaba tanto o resplandor. Era fulgor. Era edelwais senlleiro. Era ilusión de liberdade. Era ilusión de cunca asolagada. Era tanto todo e tan intenso...
Era rumor entre as pernas, sombras entre os ollos... era vieiro moi longo e moi fermoso... Era espazo estraño, era fóra do tempo, era atopía, acronía intensa. Eran peixes rebulindo entre os cabelos. Era ruído, balbordo de beleza. Era sensibilidade extrema, cotas altísimas... Era o extremo do pracer... Era tanta a transparencia...
Utopía morta, vidros escachados, rumor de paxaros, pavillóns abandonados, hortensias murchas... Dagas de cristal, esgrima absoluta...
Era todo tan fermoso...
Utopía morta.
Utopía morta.
Ínsula poética.