terça-feira, outubro 31, 2006

DONA SANDÍA

Xa podedes traer vós as rosas, porque eu non penso ir máis buscalas...

terça-feira, outubro 24, 2006

FABULOSO!




-o meu paraugas de veludo traballa só 7 horas ao día...
-merendarei nun abrir e pechar de ollos.
-durmo cantidades de "las" (baixo min... o legume máxico), e aínda sigo percibindo ondas de frío...
-fotografei incesantes pingas de auga tras o espello (e aínda non atrapei os sete cogomelos velenosos...).
-quero... a lenidade das horas

(de manteiga)

quinta-feira, outubro 12, 2006

OUTONO ELÍPTICO

Namoreime das túas mans, e agora non son quen de esquecerte...
E xa para sempre serei unha serpe de auga...

terça-feira, outubro 10, 2006

CIDADE

As espirais sempre me levan a ti, cidade luminosa... Pétalas en día radiante (a adolescencia comeza), mundo underground, negridume atraente, a transgresión absoluta... E a pesar de degaxar por ti, mozo fermosísimo e orixinal, a miña inocencia perdeute no labirinto...
E fuches refacho en tarde ventosa de verán, senlleira, e un remuíño tremendo sacudiu o meu corazón, e devecín porque me levases contigo para sempre... (cálida Lisboa, espazo luminoso, café antigo, risos en tardes inacabábeis...)
E volviches unha noite mollada de finais de setembro... E achegámonos e afastámonos na arte de nos coñecer... E houbo tarde de chuva e chocolate na casa grande, onda as camelias, no lugar da galería radiante... e a pesar de que o meu corazón fuxira prendido dos frecos doutro mantón (mozo do presente), a saudade asolagoume naquel entorno suavísimo, e habitei no pasado e viaxei ó futuro, e desexei que espallases pétalos de hortensias na humidade das horas, que leses a Cortázar nunha aventura sen final, que a chuva te agasallase con folla de rafia, e que a tenrura que se impregnara no ar agromase na pel... E pensei en ti días e días, en filmes de Kubrick, en biscoitos acaramelados...
E logo houbo outro verán... Era estío de calidez e terra, de plenitude maina, de noite subsahariana... e ofrecéchesme o teu amor suave, profundo, incisivo, as horas alemás, as montañas máxicas, as filosofías perennes... Mais non puiden recollelo... corazón fechado con chave de cristal... E foi dor profunda e tenue, tristeza belísima...
E por fin a caixa azul foi libre... e desexei con vehemencia que apareceses... e apareciches... A expresión do amor máis fermoso e absoluto... as cartas máis fermosas... as rarezas máis excéntricas... a frase máis certeira e bela (Te vienes a vivir conmigo a Lisboa?) ... Mais... que aconteceu en min?
E agora o destino volve xuntarnos... e non sei cal será o significado... Por que sempre Lisboa chamará por min?

MULHOLLAND DRIVE


Príncipe de Babilonia, transparencia esguía,
por que descendes ata os subterráneos?

quinta-feira, outubro 05, 2006

UFO / CLUB XIRATORIO

Etiquetas:

domingo, outubro 01, 2006

OUTUBRO

Aloumiñarte, arrouparte na miña luz, beixarte lenemente no pescozo, humedecer as túas pálpebras, percorrer o rumor oculto dos teus dedos, apreixar as túas mans delgadas... e deixar que estoupe esta paixón soterrada, o lume que nace e intenta liberarse... e explorar os beixos húmidos, as flores de auga que agroman nas bocas, o pescozo atraente, o corpo lanzal... e morro polos beizos nos meus ombreiros, as caricias húmidas nos seos (mananciais fantásticos), as ofrendas marabillosas... e quixera sorrirte baixo as follas secas, escoitar pasos nas alamedas mornas...